VIEIROS - "E o resto da costa?". Esa é a pregunta que se fan os ambientalistas do país, preocupados polas últimas novidades ao respecto das políticas que, en materia de protección do litoral, introducirá o próximo goberno. O exemplo a seguir tivémolo recentemente en Valdoviño, onde o Concello decidíu paralizar unhas obras que comezaran no ano 2006, coa intención de construír unha urbanización na praia da Frouxeira, zona de especial protección.
A dúbida que queda agora aos colectivos ecoloxistas é que cobertura terán os espazos protexidos da costa galega. Esta incerteza é debida a que o vindeiro 17 de maio remata a moratoria urbanistica dos 500 metros e esténdese o medo de que ante a falta de iniciativa do novo goberno recaia nos colectivos ecoloxistas e veciñais a responsabilidade sobre os espazos protexidos.
No caso de Valdoviño o pleno do Concello acordou a supensión da licenza de urbanización da Saíña, na zona de Punta Frouxeira, ao carón do castro do mesmo nome. Esta medida respondeu a unha reclamación que vén de vello, e que o propio BNG levou, sen éxito, a debate no pleno municipal o pasado mes de agosto. Ademais foron varios os colectivos ecoloxistas que, encabezados por Adega, protestaron contra a posibilidade de que se urbanice nesa zona protexida.A urbanización (ver fotos) íase situar integramente nunha zona LIC Costa Ártabra e, parte dela, invadiría tamén un espazo recollido na Rede Natura 2000. Ademais, o terreo linda con zonas Zepa (Zona de especial protección para aves) e Ramsar (convención internacional que protexe os humedais), situándose a ben pouca distancia do castro da Frouxeira.
Con esta decisión, o goberno que dirixe Mª Isabel Álvarez Diéguez (TeGa) paraliza as obras iniciadas no 2006 pola empresa "Construcciones Gallegas, S.A." e inicia ademais o proceso de modificación das Normas Subsidiarias de Valdoviño (leis recollidas dentro do réxime do chan e ordenación urbana) coa intención de adaptalas á realidade vixente en materia de protección ambiental e patrimonio.
Artigo orixinal:
http://www.vieiros.com/nova/73372/valdovino-ultimo-exito-na-loita-contra-a-especulacion