O 3 de decembro de 1987, o Casón, un cargueiro panameño que transportaba produtos químicos desde Holanda a Xangai, sofre, á altura da costa de Finisterre, un corremento da carga que o obriga a pedir auxilio ás autoridades galegas. Os servizos de rescate que acoden ao encontro do buque, volven a terra cos cadáveres de 23 mariñeiros.
A incerteza sobre o contido da carga do barco, sumado aos rumores de que podería tratarse de produtos tóxicos provocan gran alarma entre as poboacións próximas ao Casón. A crise evoluciona coa explosión da carga do barco, as evacuacións espontáneas da poboación ante o temor dunha nube tóxica, e as ordes contraditorias das autoridades que se desdixeron do posible perigo de contaminación ambiental na zona.
A crise do Casón non quedaría só nas costas de Finisterre: o transporte dos bidóns recuperados do Casón á factoría de Alúmina Aluminio en Lugo para o seu posterior traslado por barco a Holanda, provocou protestas dos veciños ao paso do convoi e conflitos laborais na planta lucense.
Nova relacionada:
http://praza.gal/movementos-sociais/15580/30-anos-do-cason-e-dos-bidons-que-pasearon-media-galicia/