Gallaecia, unha costa remota - Fotosplino

Fotosplino - Todos sabemos que en Galiza hai temporais e ondas grandes, pero moi poucos podían imaxinar, -hai un tempo-, o que estaba a piques de acontecer nos vindeiros anos. Grazas a surfeiros de sona como Axi Muniain ou Eric Rebiere, que apostaron pola nosa costa, estanse dando a coñecer ondas como as que até hai 2 anos apenas podiamos ver nos vídeos e revistas  internacionais.

surf Galicia

Lembrarei o día desta sesión o resto da miña vida. Por moitas razóns. As ondas que romperon ese día foron as máis perfectas e grandes que vira até daquela.  Xuntámonos un grupo de amigos: fotógrafos, -uns profesionais e outros afeccionados-,  surfeiros  e bodyboarders. Todos xuntos para conseguir o que a maioría soña: surfar e fotografar as máis grandes e mellores ondas posibles.

surf Galicia

Representando a nosa terra tiñamos dous corcheiros do norte de Galiza, Daniel Suarez e Andrés Manso. A verdade é que me sorprenderon os dous, porque só o  feito de se tirar á agua xa tiña un mérito incrible. E por riba, baixáronse uns tronchos guapos. O outro corcheiro era o portugués Ricardo Faustino, un gran rider e aínda mellor persoa. Todos os que o coñecen saben o que digo. Ricardo é un grande, encántame ir na procura de ondas con el, o seu espírito de busca e aventura non ten límites.

surf Galicia

Pola banda dos surfeiros estaban presentes Eric Rebiere, João Guedes, Alex Botello, Antonio da Silva. Tamén estaban xa na zona Axi Muniain e o seu equipo.

surf Galicia

Mentres preparaban as motos e o equipo, algúns dos fotógrafos comezaron a falar de alugar un barco e puxémonos mans á obra. Despois dun par de tentativas fallidas, xa que os mariñeiros cos que falamos se negaban todos a ir á zona que lles pediamos por culpa do estado do mar. Coñecimos un rapaz que resultou ser amigo de Daniel e  ofreceuse encantado. Todo un mariño, si señor, saír con esas ondas do porto cunha embarcación tan pequena é só para uns poucos.

Saír en barco polas costas galegas non ten prezo, é unha experiencia moi gratificante e emocionante.  Con mar de fondo de catro metros e medio ver romper esas ondas contra os cantís máis bonitos do mundo é algo que se ten que vivir cando menos unha vez na vida.

surf Galicia

Cando chegamos á zona quedamos todos perplexos coas ondas. Si, era real. É na casa, é Galiza e non o podía crer, a miña primeira sesión de ondas grandes facíase realidade. A xornada transcorreu con normalidade, algún wipeout duro pero sen consecuencias para os riders.

No futuro creo  que imos ser un referente en baños de ondas grandes e con surfeiros de todo o mundo como xa pasa en países veciños como Portugal, Irlanda e Marrocos porque Galiza aínda non dixo todo o que ten que dicir.

Fai click nas miniaturas pra ver toda-las fotos:

{artsexylightbox path="images/stories/surfNoticias/2013/costa" previewWidth="128" previewHeight="95"}{/artsexylightbox}

Texto e Fotos: Ángel Fotosplino

Surf GZ é un xornal que promove e espalla a cultura da xente da praia en internet. Levamos traballando dende 2008 e xa publicamos máis de 5.000 novas de surf, longboard, ecoloxía, cultura, paddle surf e bodyboard. Moitas grazas pola túa visita.

Surf Galicia SurfGz.com

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.