Facía dous anos que Raspas Corcho Clube non organizaba un campionato na Lanzada. Da man de Oeste Surf e Zorlak converterán esta praia, o sábado a partir das 10.00 horas, nun punto de concentración para surferos de Pontevedra. A Sergio Avelino Lage, ademais de subirse á táboa, tócalle tamén ocuparse da organización.
Por que rexorde este tipo de competición?
Pola escola (o club ten a súa propia escola). Para que os rapaces vexan competir e para que compitan eles mesmos. Hai xente que empezou fai tres anos a facer surf e aínda non competiu porque nos campionatos federados hai que pagar e tes que competir con xente de toda Galicia.
Vostede, como surfeiro veterano, dígame ¿que ofrece A Lanzada?
É un sitio clásico, non é unha praia de ondas moi boas pero entra máis mar que noutras e sempre tes ondas. Por exemplo, en Montalvo son mellores, pero non hai tantas ondas.
A mellor praia?
Fóra de Pontevedra, a de Lariño. Na provincia, a dos Mortos (Sanxenxo).
O surf é caro?
Non, por 100 euros pódesche facer cun equipo de segunda man: traxe de neopreno e táboa.
Pero si fai falta tempo...
Depende. Hai días que sabes que vai haber ondas e nunha hora vólvesche. Aínda que eu xa me pasei ata seis horas buscando praias para surfear.