A alcaldesa de A Coruña defende a sanción a Pablo Montero: “As normas están para garantir a seguridade”

Tras a polémica xerada pola multa imposta ao surfista coruñés Pablo Montero por practicar surf durante unha alerta laranxa, a alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, saíu ao paso para defender a actuación do Concello e recalcar a importancia do cumprimento das normas.

“Como administración pública, temos a obriga de coidar e protexer ás persoas, e iso pasa polo cumprimento das normas”, afirmou a rexedora este luns, lembrando que a sanción non foi imposta por entrar na auga, senón por non atender ás indicacións da Policía Local e desobedecer as súas ordes.

Rey asegurou que as medidas adoptadas durante as alertas meteorolóxicas non son arbitrarias: “Non precintamos parques, non pechamos praias nin prohibimos o acceso a zonas por capricho. As normas están para garantir a seguridade das persoas e dos equipos encargados de coidarnos, e así continuará sendo”.

A alcaldesa tamén fixo referencia ao nivel profesional de Montero, subliñando que iso non o exime de cumprir a lei: “Fernando Alonso non vai a 210 Km/h pola autoestrada por moito que sexa profesional do motor, e o mundo do surf terá que actuar segundo as normas para a seguridade de todos. Non se van a eliminar as alertas nin os precintos”.

En canto á posibilidade de flexibilizar a normativa, Rey deixou aberta unha vía de acordo coa Federación Galega de Surf: “Se a federación quere asinar con nós un acordo polo cal, en determinados momentos de alerta, eles deciden libremente ir ao mar porque controlan, nós asinarémolo. Iso si: baixo a súa responsabilidade. Non mobilizaremos servizos municipais para rescatar a quen controla”.

A declaración da alcaldesa chega nun contexto de debate intenso entre surfistas e autoridades locais sobre a regulación do acceso ás praias durante alertas meteorolóxicas, co obxectivo de equilibrar a seguridade cidadá e a práctica deportiva.

Surf GZ é un xornal que promove e espalla a cultura da xente da praia en internet. Levamos traballando dende 2008 e xa publicamos máis de 5.000 novas de surf, longboard, ecoloxía, cultura, paddle surf e bodyboard. Moitas grazas pola túa visita.

Surf Galicia SurfGz.com