O Goberno galego abriu un expediente sancionador contra o presidente da Federación Galega de Surf pola súa suposta implicación en irregularidades na xestión dos fondos do Campionato de España de Surf celebrado en outubro de 2024 na Coruña. O evento, coñecido tamén como King & Queen of the Bay e o Memorial Tito Fariña, contou cunha achega municipal de 83.800 euros.
A Xunta de Galicia detectou posibles delitos de malversación, administración desleal e falsidade documental, e remitiu o caso á Xustiza ante os “indicios fundados” destas prácticas.
O procedemento de investigación naceu tras varias denuncias que apuntaban a un presunto desvío de fondos desde a Federación cara a unha empresa vinculada ao propio presidente, M. S. Pouco despois de confirmarse que a Federación Galega organizaría o Campionato de España, o directivo constituíu unha sociedade unipersoal que acabaría facturando á entidade máis de 38.000 euros por diferentes servizos, como patrocinios, deseño de roupa e merchandising do evento.
A Xunta subliña que non consta ningún contrato formal nin procedemento de adxudicación transparente entre a Federación e esa empresa, nin se acreditou de maneira oficial a petición de ofertas a outras compañías do sector.
M. S. defendeuse afirmando que recorreu á súa propia empresa por “urxencia e necesidade”, despois de tentar contratar outras firmas sen éxito. Non obstante, a Xunta considera que hai “indicios dun aproveitamento particular do cargo” e dun “uso incorrecto de fondos públicos e subvencións”.
A polémica estalou no Concello da Coruña tras saír á luz unha relación familiar que pon o foco directamente na tramitación dunha subvención municipal vinculada á organización dun evento de surf. O director da área de Turismo do Concello, o departamento que asinou a axuda económica, resulta ser o sogro de M.S., o principal beneficiado polos fondos. Esta conexión sitúa un posible conflito de intereses no corazón da administración dirixida por Inés Rey e abre a porta a preguntas sobre os mecanismos de control interno destinados a evitar que diñeiro público acabe orbitando arredor do entorno familiar de cargos municipais.
Segundo o expediente elaborado pola Secretaría Xeral para o Deporte, a sucesión de feitos amosa unha precisión que fai difícil falar de casualidade.
- 11 de marzo de 2024: Concello, gestoría municipal Rentabrain, Aquarium Finisterrae e a Federación Galega de Surf manteñen unha reunión para poñer en marcha o evento King and Queen of the Bay. Designan a M.S. como responsable da organización. A presenza da dirección do Aquarium chama a atención.
- 23 de xullo de 2024: A Federación Española de Surf concede á Federación Galega de Surf a organización do Campionato de España de Surf Open na Coruña.
- 26 de xullo de 2024: Tres días despois, créase Rula Produccións S.L., coa administración única a cargo de M.S.
- 28 de agosto de 2024: O Concello publica un prego para contratar o servizo mediante un procedemento negociado sen publicidade, eliminando a concorrencia doutras empresas.
- 1 de outubro de 2024: Asínase o contrato entre o Concello e a Federación Galega de Surf por un importe de 83.800,99 euros.
- 18-20 de outubro de 2024: Celebrouse o evento na cidade.
- 25 de outubro de 2024: Rula Produccións factura á federación 32.488,50 euros. Ese mesmo día, M.S. emítese a si mesmo un recibo de 8.304,73 euros como director deportivo, un cargo que nunca chegou a ser nomeado oficialmente.
- 12 de decembro de 2024: O Concello transfire os 83.800,99 euros á Federación Galega de Surf. A federación paga nese momento o recibo persoal de M.S.
- 18 de decembro de 2024: A Federación Galega de Surf realiza unha transferencia de 38.538,50 euros a Rula Produccións S.L.. A cifra responde ás facturas pendentes (32.488,50 euros) e a outros 6.050 euros destinados á contratación de persoal.
O informe do Executivo autonómico tamén pon en dúbida o pagamento de máis de 8.000 euros que o presidente recibiu como director deportivo da proba, ao non existir, segundo o documento, nomeamento oficial nin aprobación formal da Federación.
O Comité Galego de Xustiza Deportiva iniciou un expediente sancionador, pero decidiu paralizalo ata que haxa unha resolución xudicial firme. Mentres tanto, os grupos políticos municipais reclaman explicacións. O PP da Coruña anunciou que pedirá información ao Concello sobre o papel das diferentes concellarías na organización do evento, mentres o BNG esixe acceder ao expediente completo e alerta da necesidade de transparencia no uso dos fondos públicos destinados ao deporte.
A Federación Galega de Surf, pola súa parte, aínda non fixo declaracións públicas sobre o caso.
