Dende que compartimos o noso comunicado en novembro pasado, estivemos en contacto continuo coa Secretaría Xeral para o Deporte, federacións náuticas galegas, UFEDEGA e o Concello da Coruña para falar abertamente sobre como as alertas meteorolóxicas están a afectar á práctica dos deportes de mar.
A día de hoxe, o protocolo segue aplicándose tal e como está, baseado nos niveis de alerta de AEMET e MeteoGalicia, sen cambios efectivos que teñan en conta as particularidades de deportes como o surf.
Na última reunión desta semana confirmouse que o proceso de revisión xa arrancou, a Secretaria Xeral para o Deporte está pola labor de adaptar o protocolo ás nosas necesidades; pero aínda non se materializaron as propostas feitas e acordadas para mellorar a situación sobre o terreo.
🔜 Confiamos en que este traballo avance nos vindeiros pasos e sirva para construír un marco máis xusto e equilibrado para todas e todos.
Seguimos defendendo o mesmo que dende o principio: a seguridade é fundamental, pero tamén o é poder practicar o surf en lugares seguros, aproveitando a orografía e batimetría do litoral galego, co potencial de permitir a práctica das modalidades do Surfing prácticamente os 365 días do ano.
💙 Estamos coa comunidade surfista (clubs, federados, deportistas e surfistas libres), e imos seguir empurrando para mostrar a realidade da nosa disciplina co fin que esta situación teña unha solución que nos coide e respecte a todas e todos.
