A costa da Mariña xa se prepara para acoller os días 12 e 13 de setembro o Iberdrola Surfing Day Burela, un evento deseñado para impulsar a presenza feminina nas ondas e promover un estilo de vida saudable arredor do mar. A iniciativa conta cun forte respaldo da Deputación de Lugo, que achega máis de 30.000 euros para a súa organización.
O programa combina a aprendizaxe técnica e a divulgación coa práctica deportiva a todos os niveis:
- Clínic de surf feminino: Formación técnica e práctica na auga impartida por deportistas referentes do circuíto, ideal para mellorar destrezas e coñecer de preto a experiencia de profesionais.
- Bautismos de surf de balde: Sesións de iniciación orientadas a quen queira proba-lo surf por primeira vez, co apoio do Burela Surf Club e monitores especializados para aprender as nocións básicas e as medidas de seguridade.
- Foro "Muller e Deporte": Mesa de debate e encontro sobre o papel da muller no ámbito deportivo, abordando cuestións clave como o liderado, a igualdade de oportunidades e a necesidade de crear referentes.
Sustentabilidade e lecer en terra
A contorna natural de A Mariña xogará un papel central durante toda a fin de semana. O evento incorporará accións de sensibilización ambiental enfocadas na protección do ecosistema mariño, a xestión de residuos, o consumo responsable e o coidado das praias.
Para o público xeral, a zona contorna á praia contará cun village cheo de vida que incluirá un mercado local, propostas gastronómicas, música en directo e áreas de lecer e convivencia.
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, valorou moi positivamente a chegada por primeira vez deste evento á comarca:
“Para a Deputación de Lugo é unha satisfacción colaborar para que o Iberdrola Surfing Day chegue por primeira vez á Mariña lucense. Un evento destas características supón unha oportunidade para proxectar o noso territorio, pero tamén para poñer en valor o traballo que veñen desenvolvendo os clubs de surf da comarca. Queremos que esta cita contribúa a darlles visibilidade e a fortalecer a súa actividade, poñendo en valor o talento, a afección e o tecido deportivo vinculado ao mar que existe na Mariña.”
O Longboard Concello de Burela abre inscricións
A vertente competitiva completará a fin de semana coa celebración do Longboard Concello de Burela, terceira das catro probas puntuables para a Liga FESurfing de Longboard 2026 e valedora para o Campionato Galego.
A proba repartirá 1.000 puntos para o clasificación xeral e contará coas categorías Open (masculino e feminino), Sub18, Máster 40+, Grand Máster 50+ e Kahuna 60+. O prazo para inscribirse permanece aberto ata o 7 de setembro cun prezo de 40 euros por participante.
Ademais, a programación incluirá triales locais organizados polo Burela Surf Club, unha iniciativa deseñada para fomentar a participación dos deportistas da contorna e estreitar os lazos entre a alta competición e o surf da comarca.
