Este domingo 21 de xuño celebrouse na praia de Patos o día internacional do Surf. Durante este día centenares de surfeiros do mundo presentaron ao público, a cultura e o deporte do Surf a través de diferentes actividades completamente gratuítas, compartindo valores de convivencia e respecto polo medio ambiente.
Son xa 6 anos desde que comezou esta iniciativa que ten como fin a promoción do surf a nivel mundial, nela participaron conxuntamente 31 países, con máis de 3.000 actividades e aproximadamente 30.000 participantes.
En Nigran para celebrar este dia, puidemos gozar de música na praia, cursos gratuítos de Surf, aluguer de material gratuíto, gran grellada e para terminar limpeza da praia. O número de inscritos foi o máis elevado de todos os anos. Máis de cen persoas puideron gozar das actividades programadas así como centos de persoas que abarrotaban a praia.
O curso teórico foi novo en canto á maneira de impartilo. Utilizamos megafonía para que todo o mundo que estaba ese día na praia puidese informarse e aprender que é isto do Surf e o seu mundo de mans dun dos mellores técnicos galegos: Mauro Bordallo.
Ao finalizar o día repartíronse premios e agasallos así como unha limpeza de praia que foi todo un éxito, onde os que mais limparon e que sirva de exemplo foron os máis novos e a proba é que se encheron máis de cen bolsas de lixo. Un exemplo que fai que a nosa dedicación á organización deste tipo de actividades sexa un verdadeiro pracer.
Desde o Patos Surf clube queremos agradecer a asistencia e esperamos que o próximo ano podamos seguir celebrando este día que aos poucos se vai implantando a nivel mundial.
Agradecementos especiais ao Concello de Nigran polo seu gran apoio en todo tipo de actividades que o club Patos realiza ao longo do ano.
Agradecementos tamén ao cociñeiro Yeray, ao encargado da grellada Josis, á montaxe da infraestrutura Pablo, Javi, Nadir, Bárbara e Andrea e ás mozas do club que fixeron un improvisado karaoke para que ninguén se aburrise - Vika, Trini e Rosita.
Agradecemos tamén a paciencia de moitos dos inscritos que tiveron que volverse tolos para aparcar o coche debido ao desbordamento do parking nun día tan caloroso como foi o pasado domingo.
Moitísimas grazas a todos, é un pracer traballar así.