Jesús Busto - Cada primavera, dende hai 15 anos en Europa e 11 en Galiza, Surfrider Foundation Europe convida os seus socios, simpatizantes e a tod@s @s amantes do mar, a participar na operación de limpeza de praias denominada “Iniciativas Océano”. Ao reunírmonos tod@s (11.000 persoas no ano 2009), e na mesma fin de semana, mostrámoslles de modo conxunto aos gobernantes o noso amor e respecto polo océano.
A campaña deste ano, ao igual ca en edicións anteriores, céntrase nos denominados macro-refugallos, é dicir, nos refugallos sólidos, visibles a simple vista, que proceden do consumo.
É unha mágoa que despois de 20 anos de loita e acción, estes refugallos sigan a amorearse nas nosas praias, lagos e ríos. As solucións que se están a adoptar non son abondas. En realidade, as limpezas mecánicas efectuadas polas autoridades tratan o síntoma, pero non a causa. Por riba esas limpezas con utensilios mecánicos non fan outra cousa que aumentar a erosión das praias e non impiden que os refugallos causen danos considerables e irreversibles sobre a biodiversidade. De feito, 1 millón de aves e 100 000 mamíferos morren anualmente no mundo polos refugallos mariños.
Xa que logo, o obxectivo da campaña, alén de limpar, é lanzar a mensaxe de que hai que actuar axiña. Estas limpezas son unha grande oportunidade para sensibilizarmos a sociedade sobre a protección do océano e do litoral. Ademais, e en cada unha das limpezas, aproveitarase para contabilizar o volume de refugallos recollidos e reuniranse sinaturas que Surfrider Europe lles entregará aos deputados europeos o vindeiro 20 de maio en Xixón, no Día Marítimo Europeo, para lles facer chegar as nosas reivindicacións sobre os macro-refugallos.
As persoas ou entidades que desexen organizar unha limpeza poden inscribirse en:
www.initiativesoceanes.org ou www.iniciativasoceanicas.org
Arestora existen xa máis de 160 limpezas organizadas en toda a costa europea. De momento en Galiza organizáronse tan só dúas limpezas, ambas as dúas na praia de Doniños, os días 18 e 21 de marzo, organizadas polo Océano Surf Clube.
Sen dúbida ningunha, esta é unha moi boa oportunidade para devolvérmoslle ao océano, e a todas as especies que habitan nel, unha pequena parte das inmensas satisfaccións que nos ofrece.
Máis info sobre os macro-refugallos: http://www.initiativesoceanes.org/pdf/DP-IO2010_ES.pdf (en español)
Texto do artigo: Jesús Busto
Fotos: Surfrider Foundation Europe