Clima máis quente e auga máis fría

 
Tony Butt explica neste artigo como interactúa a corrente do Golfo nas nosas vidas e que trocos nos pode ocasionar o quecemento global da Terra.
 
No filme The Day After Tomorrow unha xeira de eventos catastróficos sucédense como consecuencia do quecemento global do planeta; a atmosfera arrefría nuns segundos centos de graos, aparecen enormes tormentas e fortes xeadas, o hemisferio norte parece vivir outra Era de Xeo. Todo isto por mor do arrefriamento dunha parte crucial do sistema océano-atmosfera no Atlántico Norte. Aínda que a película parece unha tolemia, a idea en que está baseada non o é tanto. Numerosos científicos climáticos están a estudar esta posibilidade. Semella que un incremento de auga doce no Atlántico Norte por mor do quecemento global pode interferir co fluxo natural da auga quente a altas latitudes, arrefriando o fluxo dun xeito considerábel.
 
O clima no norte de Europa é abondo máis quente ca na mesma latitude da outra beira do océano, e por iso aínda se pode surfear no inverno en Irlanda, Gales, Escocia, Inglaterra e Noruega. Por mor deste constante movemento de auga quente a través do océano, a Corrente do Golfo. Sen esta corrente moitos spots surfeiros estarían xeados todo o inverno. Con todo isto quero salientar a importancia do movemento das correntes mariñas non só polo seu efecto nas temperaturas da auga superficial senón pola súa importacia en todo o funcionamento do noso planeta.
 
A LAREIRA DO ATLÁNTICO NORTE
 
A meirande parte da xente sabe que a Terra recibe máis radiacion solar no Ecuador ca nos polos. Este maior aporte enerxético é redistribuido decontino por todo o planeta, doutro xeito, o Ecuador quecería máis e máis. Un xeito de transporte desta calor é por medio do ar, grandes masas de ar quente desprázanse por mor da forza de Coriolis. Para alén da atmosfera,os océanos tamén xogan un papel importante. O sistema de circulación dos océanos pódese observar no seguinte gráfico dun xeito preciso. Esta auga quente é transportada dende o Ecuador deica os polos onde arrefría e volve baixar até o Ecuador. No Atlántico Norte, unha corrente superficial trae auga quente e salgada dende o Golfo de México deica as Illas Británicas e o mar do Norte.

Despois de liberar esta calor a auga afunde e comeza a se mover cara ao Sul. Esta auga afunde porque é máis salgada e xa que logo máis pesada cá auga que a arrodea. É máis salgada porque vén do Ecuador despois de pasar un proceso de forte evaporacion por mor da radiacion solar. Este feito coñécese como Circulacion Termosalgada. Unha volta enteira dura 1.000 ANOS!! A calor liberada pasa a auga do círculo polar mais unha parte pasa cara á atmosfera, con todos os beneficios que iso trae prós habitantes da costa atlántica europea. Calquera alteración desta corrente de auga podería traer serias consecuencias pró noso clima.

PROBLEMAS DA LAREIRA

Xa que logo se a corrente do Golfo se detivera de súpeto, ou incluso se debilitase, toda esta auga quente non daría acadado a costa do Norte europeo, o cal afectaría seriamente o clima. Despois disto, apreséntanse as seguintes cuestions: Primeiro, hai algunha evidencia de que isto acontecerá antes? Segundo, que pode ocorrer? E terceiro, que lle pasaría ao clima se isto sucedese? Os científicos tentan resolver estas cuestións e xa deron atopado algunhas respostas, mais non as definitivas.

A meirande parte deles coinciden en sinalar que se teñen que facer máis estudos. En canto á primeira pregunta a resposta non está moi clara. O xeo do Ártico amosa que a temperatura do planeta nos últimos 100.00 anos sufriu fortes mudanzas. A maioría delas foron debidas ás glaciacións producidas polo movemento do eixo da Terra respecto do sol.

Mais algunhas destas mudanzas foron rápidas de máis pra teren esta explicación. Segundo o profesor Wallace Brooker do Woods Hole Oceanographic, a máis probábel explicación destas mudanzas da temperatura e a modificación do fluxo das correntes oceánicas. Por riba, existen algunhas evidencias de que a corrente do Golfo podería terse detido varias veces no pasado. Lloyd Keigwin, tamén do Woods Hole Oceanographic Institute, tomou mostras do fondo mariño e atopou que a cantidade de nutrintes no fondo sufriu mudanzas radicais. El coida que estes cambios na cantidade de nutrintes débense ao aporte producido pola corrente do Golfo no fondo do mar. Isto pode ser unha proba indirecta de que no pasado a corrente ficou detida. Mais por que se pode producir isto? Ben, todo parece indicar que un aporte de auga doce por mor do incremento da choiva pode diminuir a salinidade da auga facéndoa menos densa. Pode chegar un punto en que a auga deixe de afundir. Se isto acontece a auga se podería deter aos poucos até chegar a un movemento cero polo que non acadaría o Atlántico Norte.

E porque se produce este incremento da auga doce? Ben, isto podería ser causado tanto polo incremento da choiva nos océanos, como polo aporte dos ríos. Para alén do aporte producido pola auga en forma de xeo que se derrete no polo Norte. Un enorme incremento de auga doce foi rexistrado recentemente. Dende 1936 ata 1999 os sete ríos euroasiáticos máis importante aumentaron o seu caudal nun 7% (2 Billóns de litros por ano). Ademais outros estudos confirman que o xeo do polo Norte está a se derreter.

A reserva de auga doce no polo e duns 100 Billóns de litros. Toda esta auga resulta ser un aporte que non tiña lugar no século pasado. Non embargante, descoñécese canta desta auga alcanza os puntos de afundimento da corrente do Golfo. Tanto o derretemento do xeo polar coma o incremeto da choiva están ligados ao quecemento global do planeta.

Ninguén coñece como pode ficar afectada a corrente e se pode haber un punto en que os seus efectos sexan aumentados de tal xeito que se deteña de súpeto nos vindeiros anos. As derradeiras estimacións feitas, din que podería tardar uns 50 anos pero poderían ser tan só 5 anos. Todas estas variabeis son completamente descoñecidas.

Dr. Richard Wood do UK Meteorological Office estudou recentemente isto. Nun artigo publicado no importante Philosophical Transactions of the Royal Society of London, explica que a corrente Termosalgada é moi sensíbel. O incremento de auga doce no océano tan só precisa alcanzar un certo valor crítico pra facer deter todo o sistema. Tamén semella claro que este sistema ten un punto de histérese, é dicir, unha vez acadado este punto, aínda que se reduza o aporte de auga doce non hai volta atrás. Pra entendermos un pouco mellor o que ocorre, diferentes grupos de investigación están a usar potentes computadoras con modelos matemáticos complexos pra tentaren albiscar o que realmente pode acontecer no planeta se isto é certo. A UK Meteorological Office realizou recentemente unha simulación do clima global do planeta despois dunha repentina parada do fluxo da corrente e os resultados son contundentes. Durante os dez anos seguintes á detención da corrente, o hemisferio norte verase arrefriado, particularmente no Atlántico Norte.

Por exemplo, en Inglaterra, as temperaturas descenderían decontino máis e máis. Outros grupos chegaron a conclusións diferentes. Afirman que existen outros mecanismos que interactuarán pra contrarrestaren este aporte polo que non haberá mudanzas na temperatura. Todo isto semella contradictorio. Quecemento global, despois de todo, é exactamente o que seu nome expresa, un incremento da temperatura da Terra por mor do incremento da radiación solar como efecto da emisión dos gases que producen o efecto invernadoiro. Entón, como pode ser que queza e arrefríe ao mesmo tempo? Todo o exposto anteriormente non significa un arrefriamento do planeta senón só nunha parte del, o Atlántico Norte. Doutro xeito, un arrefriamento local superposto ao quecemento planetario.

Haberá outras partes do planeta onde si se incrementen as temperaturas medias. Non hai dúbida de que o planeta está a quecer, non só a terra senón tamén a auga dos océanos. De feito, científicos do NOAA's National Oceanographic Data Centre en Sidney, compararon a temperatura da auga superficial a 300 metros de profundidade e atoparon un incremento do 0.31C dende 1948.

BAIXA PROBABILIDADE, ALTO IMPACTO

De acordo con todo isto ninguén pode saber o que vai ocorrer. Todo o que temos pra traballar son modelos matemáticos, hipóteses e computadoras. Por mor de que o noso planeta é unha máquina moi complexa e existe unha interrelación entre todos os fenómenos que acontecen nel só os modelos que estudien todos os sistemas poderán darnos respostas válidas. A estes sistemas chámanlles General Circulation Models. Estes modelos corroboran o devandito, o quecemento do planeta produce máis choivas e o derretemento do xeo.

De feito, todo isto está probado mediante observacións. Tamén din que unha detención no movemento produciría un arrefriamento do Norte de Europa. O que non está tan claro é o que acontecería polo medio. Os modelos teñen dificultades pra saberen se o incremento de auga doce podería deter a corrente do Golfo. De feito, ningún modelo confirma que isto poida pasar. Isto pode ser debido a que un incremento da temperatura no Ecuador pódese traducir cun incremento da evaporación e polo tanto nun incremento da salinidade da auga que poida contrarrestar os efeitos da choiva. Todo isto pódese interpretar de xeito que a posibilidade de detención da corrente sexa baixa mais cun alto impacto no clima.

UN EXPERIMENTO AUTO-INFLINXIDO?

Cecais todas estas cousas sobor do quecemento global poderían ser interpretadas coma un test, unha proba pra coñecérmonos mellor, unha sorte de autoanálise. Permitídeme que me explique: todo este tema está moi pouco estudado. Neste intre temos información de todo tipo, que quece , que arrefría,... A verdade é que non sabemos dabondo sobor do clima e os ordenadores non son potentes dabondo como pra saberen o que vai pasar. Aínda que é evidente que o planeta está a quecer ninguén sabe como pode afectar o planeta.

É o peor é que non hai probas evidentes de que este quecemento sexa producido por nós, como consecuencia da deforestación e máis a emisión de gases. Tristemente, as nosas actuacións están máis ligadas á nosa axenda persoal cás nosas crenzas. É dicir, se gostas da natureza, a paz e ti non asocias a felicidade coa riqueza material, probabelmente creas no quecemento global. Mais se estes temas danche igual e non che importa un carallo toda esta merda hippy, pensas que o máis importante é facereste rico axiña, has pensar que non hai probas dabondo pra te preocupar. Canda menos, sen importar se estas teorías son certas, o certo é que o quecemento global pode actuar coma un concienciador da xente e facela máis ecoloxista. Pode facer que a xente pense dúas veces antes de contaminar e deitar lixo que nos afecta princiapalmente a nós, os habitantes da costa.

Artigo escrito por Tony Butt.

Surf GZ é un xornal que promove e espalla a cultura da xente da praia en internet. Levamos traballando dende 2008 e xa publicamos máis de 5.000 novas de surf, longboard, ecoloxía, cultura, paddle surf e bodyboard. Moitas grazas pola túa visita.

Surf Galicia SurfGz.com

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.