Os efectos da mudanza climática na costa galega céntranse principalmente no aumento da cota de inundación que chegará a 35 cm a mediados de século (como se pode observar na imaxe) e no aumento da enerxía da ondada. Estas previsións recentes do Ministerio de Medio Ambiente amosan un panorama máis aveso cós anteriores que fixaban en 50 cm o aumento do nível do mar máis probábel na Península Ibérica para finais de século.
Alén diso, se a mudanza ambiental supera os límites fisiolóxicos das especies (osíxeno disolto, temperatura, salinidade) pódense producir severos danos. As especies que se cultivan sen suplemento alimentar e de xeito extensivo pódense ver afectadas. Acharíanse neste caso os moluscos: mexillóns, ameixas, ostras e vieiras nas rías galegas. Este feito suporía un prexuízo social e económico moi importante prá Galiza.
Verdegaia e Ecoloxistas en Acción consideran prioritaria a participación do pobo na toma de decisións que conduzan á redución drástica de emisións de gases de efecto estufa que provocan a mudanza climática. Na medida en que os pobos foren máis activos, o camiño cara a sustentabilidade será máis efectivo e rápido.