Eiquí tedes un novo artigo de Antón Bruquetas publicado sobre o estado do surf galego e a súa evolución.
Un deporte en expansión
Cada día somos máis os galegos que penetramos no mar para gozar do pracer que proporciona surfear unha onda e todo indica que a tendencia non vai parar. Este feito axudou a romper o estereotipo que no pasado formouse ao redor da figura do surfeiro, para moitos, sinónimo de folgazán. Agora na auga convivimos desde obreiros até enxeñeiros, e mesmo algún xornalista. Todos formamos un grupo heteroxéneo unido por unha paixón común: o océano. Doutra banda, este auxe tamén provocou que a imaxe idílica dun baño solitario ás tres da tarde pertenza xa ao pasado.
A calidade da paisaxe
Galicia é un lugar privilexiado para surfear. A pesar de que nos últimos anos o número de surfeiros aumentou considerablemente, aínda non chegou á masificación doutras zonas do planeta. Ademais, as nosas costas posúen unha das mellores frecuencias de ondas practicables do mundo. O único pero é a temperatura da auga: en contadas ocasións supera os 20 graos.
Profesionalización
O surf xera diñeiro. Non só a través das tendas especializadas. As escolas de aprendizaxe e os campamentos de verán tamén empezan a ser rendibles. De feito, aínda que son poucos, algúns adestradores poden chegar a vivir desta actividade todo o ano. Con todo, o sector non é alleo á crise económica e notou unha baixada no volume de negocio respecto de exercicios anteriores.
Proxección internacional
Campionatos como o Pantín Classic ou o Surfusiom, e Internet, conseguiron que Galicia exporte ao resto do mundo a súa riqueza paisaxística. Grazas á rede de redes, estas probas son presenciadas en directo por miles de visitantes doutros países, que, na súa maioría, eloxian a categoría das nosas praias. Ademais, crece o número de surfeiros que teñen o seu propio blog e retratan as sesións nas que participan.
Apoio institucional
Crece. Aos poucos os organismos públicos viron a importancia de potenciar un deporte que se integra na natureza e busca protexer o medio ambiente. Algunhas multinacionais tamén o viron así. O seu esforzo conxunto permitiu que as competicións galegas suban de categoría de xeito pausado, pero constante. Quizais se bota en falta unha maior presenza de empresas con capital privado galego.
Artigo Orixinal:
http://www.lavozdegalicia.es/deportes/2009/06/13/00031244915495635312571.htm