O mes pasado presentouse Finisterraes, un libro de fotografía sobre os Faros de Galicia feito por Xulio Villarino, no que mostra a beleza dos nosos faros máis importantes. Neste post tedes 6 fermosas imaxes captadas pola cámara deste destacado fotógrafo galego nado na Mariña cedidas polo autor.
A Roncadoira
Cabo Vilán
En Finisterraes, Villarino percorre a costa galega, desde Ribadeo até A Guarda, deténdose nos faros pola singularidade, a beleza e o carácter épico da paisaxe, ademais do seu valor arquitectónico. A fotografía aérea descobre perspectivas novas e suxestivas dos faros e as paraxes, case sempre illados e inhóspitos, onde se atopan. E compleméntase coas imaxes realizadas desde terra e desde o mar.
Faro de Lariño
Finisterraes -"onde acaba a terra e empeza a lenda", como reza o texto introductorio da obra- ofrece unha mirada poética e misteriosa dos sinais marítimos, referencia para os navegantes e tamén para os viaxeiros que queren coñecer o litoral galego. Desde a milenaria Torre de Hércules á moderna edificación de Punta Nariga, o faro de Illas Lobeiras (emerxendo das rocas na ría de Corcubión), o da Illa de Rúa (erixido nun lugar paradisíaco, no medio da ría de Arousa) ou o de Estaca de Bares (onde se funden o Cantábrico e o Atlántico).
Villarino capta a maxia que rodea estas construcións e compón un relato dominado polo mar e o horizonte, pegadas de vida que se mesturan co rastro dos naufraxios. Manda o silencio nesta mirada introspectiva do autor, que presenta un dos seus proxectos máis ambiciosos.
Faro das Illas Lobeiras
Trátase do primeiro traballo fotográfico que abarca, de forma tan completa e sistemática, os faros máis importantes de Galicia, un proxecto que se materializou despois de case dous anos de traballo. O autor documenta 38 faros a través de 118 fotografías en cor. Tanto o texto introductorio, que recolle o testemuño de varios fareros, como os comentarios que acompañan cada imaxe (descrición e información técnica dos faros, datos achega da contorna e algunhas curiosidades) aparecen en tres idiomas, castelán, galego e inglés.
Punta Cabalo
Estaca de Bares
Podedes ver máis fotos sobre este libro en:
http://finisterraes.wordpress.com
Xulio Villarino (Fazouro-Foz, 1969) vive en Porto de Bares, Mañón, A Coruña desde 1997. É diplomado pola Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EGB de Lugo. De formación fotográfica autodidacta, comeza a súa carreira profesional en La Voz de Galicia, onde traballou nas edicións da Mariña e Vigo, desde 1993 até 2001, cando decide dedicarse ao fotoperiodismo de forma independente. Na actualidade as súas fotografías son distribuídas pola axencia Getty Images á vez que é colaborador de diferentes medios de comunicación. É coautor dos libros Once fotógrafos non Camiño (2007), Mar, a pesca en Galicia (2008),El Camnio que hacemos juntas (2010) e A Mariña 43º Norte (2011). As últimas exposicións nas que se mostrou a súa obra son Laberinto de Miradas (Itinerante por Latinoamérica e España, 2010-2011), Atestado Animal (Barcelona 2010), Ars Itineris (Oviedo 2010), Camiño de Santiago (Itinerante por Europa e Latinoamérica 2008-2011). Obtivo distintos premios, entre eles o Luís Ksado 1998, Fuji Europress Photo Awards 1999, Finalista Injuve 1999, Finalista Luís Valtueña 2000 e 2001, Premio Ortega e Gasset 2000, Premio Fuji categoría Viaxes 2002 e Noticias 2003, Finalista Reve!a 2006. A súa obra atópase en coleccións públicas e privadas